Wednesday 01 de May de 2024

O III Magosto Arrancadeira pon o foco na música e baile tradicional


O folclore galego converterase no eixo vertebrador do III Magosto Arrancadeira que organiza esta entidade coa colaboración da Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da Deputación da Coruña e de Arousa North. Esta cita concentrarase no 4 de novembro, nun toldo situado na praza do Emigrante.

No acto de presentación, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, agradeceu o labor do tecido asociativo e fixo fincapé na transcendencia da terceira convocatoria deste evento cultural.

En representación da Arrancadeira, a presidenta, Carla Brión, xunto coas integrantes Maribel Lojo e Eva Boo, detallou como será o transcurso da xornada.

O obradoiro O baile na comarca da Mahía marcará o inicio ás 18.30 horas. Para participar requírese a inscrición previa no enderezo electrónico arrancadeirapobra@hotmail.com.

Posteriormente, ás 19.30 horas, once agrupacións artellarán unha foliada: A Dorniña de Abanqueiro, Andavía, Arrancadeira, Caramiñas, Caraveiros, Nunca é Tarde, Os da Boina, Pedra da Aroña, Tahúme, Xiada e Luminaria e Ruadiña.

A música continuará a partir das 22.00 horas cos concertos de Lagharteiras e Os Campantes da Baña. Ao remate, haberá foliada libre.